Exposición “Non deixes que te enREDEn”
Este 25 de novembro foi especial no IES Mendiño, pois organizouse unha grande exposición “Non deixes que te enREDEn” dentro do proxecto de centro “365 días de igualdade” que coordinou a profesora Almudena Suárez Cerviño e que incluirá unha manchea de actividades para concienciar o noso alumnado sobre a igualdade ao longo do curso.
“Non deixes que te enREDEn” ten como obxectivo reflexionar sobre o acoso ou o control do noso móbil, que é tamén un xeito violencia de xénero. Para visualizalo expuxéronse por todos os corredores do instituto carteis que reproducían diferentes exemplos de charlas telemáticas que constitúen mostras de acoso e que debe ser combatidas e rexeitadas. Estes carteis foron utilizados polo concello de Redondela como campaña institucional do 25N, que foi presentada no noso centro.
Elaboración nas titorías doutras actividades contra a violencia de xénero.
O alumnado de 2º da ESO elaborou un triángulo da violencia para reflexionar sobre o desenvolvemento do proceso de acoso e como se intensifica ata acadar resultados tráxicos, de aí a importancia de atallalo.
Tamén se elaboraron carteis con propaganda contra as distintas formas de violencia: a censura na vestimenta, nas redes sociais...
Velaquí algúns dos exemplos:
Nas diferentes aulas de 3º e 4º de ESO e bacharelato léronse textos de recoñecidos poetas con esa temática e elaboramos poemas para reivindicar o respecto cara ás mulleres e condenar o maltrato.
Estes son só dous exemplos dos máis salientables:
“A todos eses rapaces”
A ese rapaz que quixo que un día quedara con el e non era para dar un paseo.
A ese rapaz que me pedía fotos pero non da miña cara.
A ese rapaz que me respondía ás mensaxes só pola noite.
A ese rapaz que se tomou a confianza de pousar a man máis abaixo do meu ombreiro.
A ese rapaz que pretendía learse coa moza bébeda da discoteca, porque ao día seguinte ela non se lembraría.
A ese rapaz que comezou a tocarme por riba da roupa e que me dixo: “Non te alporices, só estamos xogando”.
A ese rapaz que lles facía comentarios morbosos aos seus colegas sobre a nena coa que falaba.
A ese rapaz que tomou como un “tes que insistir” o “agora non me apetece” da súa moza.
A ese rapaz que chamou estreita a esa rapariga que non lle deixou as cousas en bandexa.
A ese rapaz que chamaba zolada a aquela que llas poñía demasiado fáciles.
A ese rapaz que xustifica un abuso cun: “Ía provocando”.
A ese rapaz que coñece ao seu amigo, o presunto abusón, e afirma: “El non fixo nada”.
A ese mesmo que cando o seu amigo lle contou o que fixo díxolle “Es un grande chaval!”.
Ao pouco home que cala cando ten que falar, e fala cando debe estar calado.
Ao pouco home que trata con desprezo a unha muller.
A todos os homes que nos acosan, nos violan ou nos menosprezan.
A todos os homes covardes que non falan, dade a cara! Que xa sabedes: O que cala, outorga.
Sara Rodríguez Vilar 4º ESO
“A besta”
Coa súa mirada penetrando na súa pupila,
sentir os momentos de tensión
repetidos no día a día,
sen recuperar a ilusión.
Camiñando cara ao recanto,
o recanto do gran salón.
observaba pola fiestra
murcharse aquela flor.
“Levántate do chan!”
A besta outra vez gritaba,
e con bágoas no rostro
ela se levantaba.
Loitaba pola súa liberdade,
por deixar de ser a presa;
loitaba por escapar
e non ser un número na prensa.
Verónica Lago Alonso 4º ESO





Comentarios
Publicar un comentario