Do 22 ao 25 de abril realizamos a nosa viaxe de estudos de 1º de Bacharelato á cidade de Berlín.
Iniciamos o proxecto a finais do primeiro trimestre. A posibilidade xurdiu dunha conversa na cafetería, na que, metade en broma metade en serio, coincidiamos na idea de que sería moi positivo facer unha viaxe a algún destino europeo cunha finalidade educativa. A cidade de Berlín non tardou en aparecer, dado que a metade do Departamento de Xeografía e Historia (tamén había profesoras de Matemáticas convencidas da necesidade de que a viaxe saíse adiante) estabamos nesa conversa, e Berlín é xeografía, historia e arte europea de primeiro nivel... Así que comezamos a tentar organizar unha viaxe á capital alemá. O escritor ucraíno Yuri Andrujovich escribiu nunha ocasión que con Berlín paga a pena tentar calquera cousa, pois é o lugar dos intentos.
O sábado 22 de abril o noso avión aterraba en Berlín, previa escala en Madrid, e chegamos ao aloxamento cando estaba a anoitecer. Tras instalarnos, fixemos un paseo nocturno pola chamada East Side Gallery, que é o fragmento máis grande do antigo Muro de Berlín e que funciona como un museo ao aire libre.
![]() |
| Camiñamos (moito) |
Ao día seguinte comezamos a nosa ruta de museos e visitas. Esa mañá choveu un pouco, pero tivemos sorte e desde o mediodía soamente gozamos de sol e calor, co que os abrigos grosos que levamos, por se acaso, quedaron no hostel. Comezamos polo museo Neues, onde puidemos ver a famosa estatua de Nefertiti, que tamén miraba para nós con ese o seu único e enigmático ollo. Seguimos no museo de Pérgamo, pero alí non puidemos ver o famoso altar que lle dá nome, aínda que a porta de Ishtar ou a do Mercado de Mileto compensaron a súa indisposición...
![]() |
| Nos espellos da cúpula do Reichstag |
![]() |
| A nosa homenaxe a Margot Sponer. Sempre na memoria antifascista. |
Ao día seguinte tivemos unha visita guiada que comezou en Checkpoint Charlie e rematou en Alexanderplatz, tras pasar por lugares como a topografía do terror ou o sobrecolledor monumento memorial ao Holocausto, obra de Peter Eisenman. Os volumes cúbicos deste espazo da memoria, desiguais e construídos sobre un terreo artificialmente irregular no que estaban orixinariamente edificios e búnkeres da Alemaña nazi, conforman un conxunto simbólico no que as persoas aparecen e desaparecen, están e á vez non están.
![]() |
| No Museo Xudeu de Berlín |
Falando de conxuntos simbólicos, pola tarde puidemos asistir ao Museo Xudeu, obra de Daniel Libeskind e cunha forma e estrutura interna labiríntica e quebrada, no que se recolle a pegada do xudaísmo na Alemaña, desde a luz da cultura ás tebras da barbarie da persecución e do exterminio. Pedro Torrijos ten un marabilloso fío de Twitter sobre o museo que podes consultar aquí.
E o martes tocou volver, cousa que fixemos tras algún problemiña nos aeroportos derivado de que a eficacia xermana en ocasións soamente funciona como mito e non se aplica ao sistema de control do aeroporto de Berlín_Brandeburgo Willy Brandt...
Yuri Androjovich proseguía o seu texto sobre Berlín indicando: Alí atopo o que non consigo atopar en ningunha outra das miñas cidades: é vexetal e oco, cuns enormes espazos baleiros que sempre se poden encher con algo, aínda que o mellor é non enchelos con nada máis que non sexa literatura.




Comentarios
Publicar un comentario