INTERCAMBIO IES MENDIÑO CO LYCÉE MAUPERTUIS SAINT-MALO (BRETAÑA FRANCESA)

INTERCAMBIO IES MENDIÑO CO LYCÉE MAUPERTUIS SAINT-MALO

4 ao 11 de maio 2023

No marco dun convenio da Xunta coa Académie de Bretagne o IES Mendiño foi seleccionado para participar nun intercambio co instituto Maupertuis de Saint-Malo. Non puidemos sermos máis afortunados. Tras meses de preparación, de empezar a coñecérmonos, de moitos nervios e de facer os emparellamentos entre o alumnado dalí e daquí chegou o momento de viaxar a Saint-Malo. Un grupo de 10 alumnas e un alumno de francés de 4º da ESO acompañados pola profesora Mila Pérez saímos da estación de Vialia en Vigo o xoves 4 de maio con moita ilusión e nervios cara ao noso destino, unha fermosa vila do norte da Bretaña francesa cun incrible patrimonio histórico e cultural.

Despois dunha longa viaxe na que atravesamos varios países e collemos todos os medios de transporte posibles, chegamos á noitiña a Saint-Malo onde fomos cariñosamente acollidos polas familias e pola profesora de español Valentina Alexandra Lobatón, unha muller excepcional que foi un grande apoio durante toda a nosa estancia.

Ao longo de oito intensos días descubrimos Saint-Malo e arredores, por dentro e por fóra da muralla que o rodea, de feito, a cidade vella chámase Intramuros. Visitamos lugares preciosos coma o Mont Saint Michel, que curiosamente non está en Bretaña senón en Normandía. Marabillámonos co fenómeno das mareas, as máis espectaculares de Europa pero o que máis nos sorprendeu foi descubrir a historia apaixonante desde lugar, marcada por ser un enclave estratéxico de saída ao Atlántico e unha porta de entrada a Europa a través do mar. Unha das visitas máis interesantes foi La Demeure du Corsaire, unha luxosa mansión do s.XVIII, testemuña do pasado glorioso da vila que foi gobernada por corsarios que se enriquecían nas batallas coas armadas inglesas e holandesas e co comercio coas Indias e con América. Tanto poder tiñan os corsarios que durante séculos había diariamente un toque de queda que coincidía coa baixada da marea onde ningún cidadán podía saír da súa casa e no que aproveitaban para descargar os barcos que chegaban cheos de ouro e de riquezas. As rúas eran vixiadas por mastíns xigantes e famentos para evitar roubos ou pillaxes durante a descarga dos navíos.

Durante a Segunda Guerra Mundial foi un dos últimos lugares en ser liberados e un bastión alemán que non quería renderse, como proba o búnker que visitamos na Cité d’Aleth. Sufriu bombardeos dos alemáns e dos aliados que destruiron o 80% da cidade como nos contaron no Memorial 39-45 que visitamos e, desgraciadamente, Saint-Malo tivo que ser enteiramente reconstruído, sendo La Démeure du Corsaire, unha das poucas construccións que sobreviviron á destrucción de Intramuros polos bombardeos aliados.

Tamén visitamos a central maremotriz de la Rance que abastece de electricidade a toda a rexión e non faltou a desgustación da especialidade local, as “galettes bretonnes” típicas da Bretaña.

Coma en todas as viaxes houbo momentos para todo pero principalmente houbo moitos momentos de diversión e compañeirismo. Foi unha semana inesquecible que nos fixo crecer a todos.

A acollida non puido ser mellor e agardamos facelo igual de ben cando veñan eles visitarnos o vindeiro mes de outubro. “Malouins”, agardámosvos cos brazos abertos!












Comentarios